Intervención do alcalde de Narón
15 06 10 - 18:11 » TegaMartes, 15 de xuño
ROLDA DE PRENSA DO ALCALDE DE NARÓN, XOSÉ MANUEL BLANCO, PARA DAR CONTA DO CESAMENTO DE TRES EDÍS DO PARTIDO POPULAR
Grazas a todos e todas pola vosa asistencia.
- A obriga de todo goberno que realmente queira servir ao pobo que o elixiu, é dedicar todo o seu tempo, e concentrar todos os seus esforzos, na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.
- Ese é o compromiso do goberno municipal de Narón que eu presido. Máis aínda, na situación de crise que estamos a vivir. Os naroneses e as naronesas esíxennos todos os días, rigor, seriedade, e traballo arreo, para afrontar esta situación de crise con solucións e propostas que redunden no beneficio de Narón e dos naroneses e naronesas.
- Dito isto, o que si quero deixar claro é que para min, en política non vale todo, e por iso non comparto prácticas desleais, menos aínda con quen comparte contigo a responsabilidade de goberno.
- Cando un goberno se entretén noutras cuestións como as divisións internas, as pullas, ou os enfrontamentos partidistas, debe reflexionar se vai polo camiño correcto, ou se pola contra, debe corrixir a traxectoria.
- Esa reflexión que levo facendo como alcalde nos últimos meses, foi a que no día de onte me levou a facer cambios no goberno local para evitar situacións que, en pouco ou en nada, benefician aos veciños e veciñas de Narón. E fíxeno porque a responsabilidade do alcalde é tomar decisións, pensando sempre nos cidadáns e cidadás de Narón para os que gobernamos.
- Como sabedes, o obxectivo desta rolda de prensa é dar conta da resolución da Alcaldía asinada no día de onte, e pola que se procedeu á retirada da delegación de competencias a tres edís do Partido Popular, que ata entón formaban parte do equipo de goberno.
- A decisión vén dada polo que dende esta Alcaldía, e dende o grupo de goberno, consideramos como reiteradas faltas de respecto institucional que, entre socios de goberno, resultan inaceptables.
- A lealdade e o respecto mutuo son ingredientes indispensables para alimentar a confianza imprescindible para manter unido un goberno de coalición.
- A inicios deste mandato, a finais de 2007, o grupo que eu encabezo invitou ao Partido Popular a unirse ao goberno que dirixía en solitario Terra Galega, dende o convencemento de que un goberno máis amplo podería ser máis positivo que un goberno monocor.
- Nós estamos satisfeitos dos logros acadados ata o de agora por este goberno ao longo do mandato, pero entendemos que a ambición persoal dalgunhas persoas, ou determinadas prácticas desleais, non poder poñer en perigo a estabilidade municipal. No acordo de goberno que asinamos no ano 2007 deixábase claro que ambos partidos estaban obrigados a manter unha lealdade institucional mutua, e esa lealdade está a día de hoxe rota de forma unilateral, por parte do PP. Resulta moi difícil gobernar cun partido que só está nos asuntos dos que consideran que poden sacar rendibilidade política.
- E por iso, cando a presenza de determinadas persoas nun goberno non suma, senón que resta, faise imprescindible actuar con valentía, e resolver situacións que se se enquistan poden ter consecuencias moito máis negativas para Narón.
- Os esforzos diarios do goberno que presido quero que se centren na mellora da calidade de vida dos naroneses e das naronesas. Non consentirei que ningún membro do goberno que eu presido malgaste esforzos en poñer cambadelas, en frear proxectos ou en remar contracorrente.
- Por iso onte adoptei a decisión de revogar esas delegacións cedidas no seu día a estes concelleiros, que hoxe non contan coa confianza suficiente para seguir dentro do goberno local.
- Como ben entenderedes, a ninguén agrada tomar decisións deste tipo, pero o que non estou disposto é a perder o ano que resta de lexislatura en pelexas internas, e loitas intestinas que non son de recibo, e que, en nada benefician a esta cidade.
- Quero, dende esta intervención pública, invitar os dous edís do Partido Popular que continúan no goberno municipal, a manter o seu compromiso para seguir traballando por Narón. A seguir traballando, dende o goberno, pero co respecto e a lealdade institucional necesarios.
- E tamén confío en que a Xunta de Galicia siga a apoiar os proxectos que ten en marcha en Narón, tanto os autonómicos como os que estamos a desenvolver de maneira conxunta, porque considero que unha administración e un partido son cousas diferentes. Polo tanto, agardo que a Xunta manteña os compromisos adquiridos con este goberno municipal, en prol de todos os que vivimos neste municipio.
- En todo caso, quero enviar aos veciños de Narón unha mensaxe clara de tranquilidade. A estabilidade municipal é plena. Nada vai parar os plans de futuro deste goberno, que traballa todos os días para facer de Narón un concello con máis calidade de vida, e con máis oportunidades para os nosos veciños e as nosas veciñas.
Temos moito por facer, e dende o goberno local queremos contar con todos os que, dende a boa vontade, queiran achegar e traballar por Narón.
Nada máis, e moitas grazas.
Puntua ó artigo

















Trackback link: http://www.maisg.eu/pivot/tb.php?tb_id=125