Tega confía en manter posicións en 2011
13 06 10 - 12:21 » Diario de FerrolO candidato á alcaldía por Terra Galega, Xosé Manuel Blanco, confía en obter unha representación "similar" á actual -dez edís- nos vindeiros comicios locais. Unha enquisa que manexa o partido presenta resultados esperanzadores para a formación, dándolle novamente a Alcaldía do municipio ao grupo de TEGA.
Amenos dun ano para os vindeiros comicios municipais, as diferentes agrupacións comezan a facer público o nome dos candidatos e a sondear á poboación para coñecer a intención de voto. No municipio naronés, polo momento, tan só Terra Galega confirmou oficialmente que o seu candidato á Alcaldía será o actual rexedor Xosé Manuel Blanco, que leva máis dun ano á fronte do municipio. Esta será a primeira vez que afronte uns comicios como cabeza de lista, tras máis de dúas décadas en activo na política local naronesa pero, á vista das enquisas en mans da agrupación, todo parece indicar que o respaldo da poboación lle permitirá continuar exercendo o seu papel de rexedor en Narón. Ao respecto, Blanco tan só indicou que "polos datos que manexamos, non estamos en mala posición, e podemos ter unha representación similar á que temos, que estaría ben".
As cifras concretas de concelleiros, aínda que non confirmadas, serían moi similares ás dos pasados comicios, nos que TEGA obtivo dez edís. Do total, pode que algúns non repitan nas listas. Así se desprende do anunciado polo alcalde, que recordou ao respecto que "nos últimos catro anos modernizouse o 80% da lista, menos Guillermo -Sánchez Fojo- e eu, os que máis levan -Manuel Ramos e Pablo Mauriz- comezaron hai oito anos". As variacións afectarán, polo tanto, a aqueles casos nos que "esas persoas se sintan cansadas ou, pola súa idade, non queiran seguir", apuntou o cabeza de lista de TEGA en Narón.
O partido aposta por consolidarse na comarca e, aínda recoñecendo os "enfrontamentos que todo o mundo coñece", Blanco subliña que está "plenamente asentado". Sobre o nome do resto de candidatos de TEGA na comarca, o líder da agrupación naronesa avanzou que "creo que se van manter as outras dúas alcaldías -Valdoviño e Neda- e o caso de Ferrol queda en mans do Consello Nacional do partido". Acerca de novas incursións de Terra Galega noutros concellos da comarca, Blanco apostou por manter a candidatura de Cedeira e tamén por analizar a viabilidade de presentar candidatos en máis municipios da comarca.
Pendente da confirmación dalgúns deles, os que serán os seus "rivais políticos", Blanco cre que non haberá cambios. "No Partido Popular nomearon a Ángeles Díaz hai tres anos, é deputada e non ten sentido en absoluto un cambio, creo que sería un erro facelo, pero en todo caso será unha decisión do partido". Na mesma liña se manifesta o candidato de TEGA sobre o ata agora cabeza de lista do BNG, Pablo Villamar. "É vicepresidente da Deputación e leva moitos anos, polo que creo que é complicado atopar a unha persoa cos seus coñecementos e preparación". Da última candidata socialista, Catalina García, o líder de TEGA valorou que se trata "dunha persoa nova", asegurando que "non creo que sexa o momento de facer ningún cambio". Xosé Manuel Blanco confía en que as listas que se presenten en Narón sexan "continuístas".
A crise económica condicionará os programas electorais porque, de cara á situación actual, "non se pode ofrecer nada novo, senón o feito". Aínda así, o actual alcalde incide en que as partidas de persoal, mantemento e axudas sociais non mermarán, debendo incluso incrementarse. Os investimentos, asegurou, estarán condicionados polas diferentes administracións e os convenios para actividades si corren o risco de baixar.
Puntua ó artigo

















Trackback link: http://www.maisg.eu/pivot/tb.php?tb_id=124