Baño de masas do aspirante Blanco
01 05 10 - 12:43 » Diario de Ferrol
O aforo do auditorio municipal -asistiron 500 persoas- quedou onte pequeno para acoller a todos aqueles veciños que quixeron acompañar a Xosé Manuel Blanco, rexedor local de Narón, no día en que Terra Galega o presentaba oficialmente como candidato á Alcaldía nas eleccións municipais de 2011. O Secretario Xeral da formación, Xermán Tobío; o presidente do partido, Pablo Padín; e os alcaldes de Neda e Valdoviño, Ignacio Cabezón e Isabel Álvarez, respectivamente, xunto con edís da formación na comarca, quixeron arroupar ao seu compañeiro nun acto repleto de afiliados, simpatizates de TEGA e veciños do municipio, resaltando a súa valía e confianza para lograr a Alcaldía no ano 2011.
Consciente da responsabilidade que a agrupación deposita na súa persoa, Blanco amosouse orgulloso de poder representar "un cargo tan importante como é ser alcalde do teu pobo". Con 59 anos e preto de 24 compaxinando a súa actividade profesional coa vida política en Narón, o actual rexedor local sabe que as cousas non serán fáciles. O seu antecesor no cargo, Xoán Gato, confiou na súa valía e traxectoria para delegar nel a Alcaldía naronesa. Agora, Blanco terá que continuar unha etapa iniciada hai dúas décadas e buscar o apoio da veciñanza, ata o momento maioritariamente fiel ás siglas encabezadas por Gato e baixo as que tamén estivo sempre Xosé Manuel Blanco. "O difícil será mellorar a traxectoria do que fixo Gato, sabemos que é difícil, pero intentarémolo porque nun concello sempre quedan cousas por facer", asegurou Blanco. Consciente de que as comparacións entre ambos políticos están aí, Blanco recoñeceu que "máis de vinte anos á fronte de Alcaldía non admiten comparación" e confía na súa traxectoria política para "continuar mellorando os servizos públicos, e a atención dos veciños de Narón".
A estratexia a seguir nos vindeiros meses, de cara ás eleccións, é clara. "A misión fundamental, a parte do traballo diario, é lograr que Narón non teña un índice tan elevado de abstención nas eleccións locais, xa que nas últimas tan só votou o 46%". E tamén claros están os obxectivos. "A nosa expectativa é seguir gobernando Narón, lograr o apoio maioritario dos veciños para seguir mantendo a Alcaldía", apuntou Blanco. A formación considera que, de rebaixarse o índice de abstención, "poderiamos alcanzar unha maioría máis importante que a actual". Para iso, TEGA é consciente da necesidade de implicar aos máis novos na elección do alcalde e tamén para que sexa este colectivo o que determine "cara onde temos que traballar, dado que o futuro do concello pasa polas súas mans".
E no caso de non acadar unha maioría que lles permita gobernar en solitario, TEGA recoñece que estará aberta a calquera pacto. Pero a negociación terá que salvar o principal requisito para un acordo: "que haxa un programa claro e definido do que queremos para os veciños de Narón, porque non sumaremos concelleiros, senón programas para mellorar a calidade de vida dos veciños", subliñou Blanco. O bipartito continuará ata o final a non ser que, puntualizou Blanco, o período electoral non interfira na xestión diaria do concello porque, de ser así, recoñece, "non me custaría nada romper".
No seu discurso, Blanco agradeceu a aposta pola súa persoa para acadar a Alcaldía e incidiu no compromiso que Terra Galega manterá cos diferentes colectivos do municipio. Industria, Cultura, Educación, Deporte, Infancia, Xuventude e Maiores forman os pilares básicos do día a día na vida municipal. Todas estas áreas serán obxecto de melloras nos vindeiros anos, algo para o que Blanco pediu a colaboración veciñal. E todo, para crear "un Narón verde e amable", en definitiva, "unha cidade de futuro".
Unha incógnita continuarán sendo ata o primeiro trimestre do ano os integrantes das listas de TEGA en Narón, aínda que a agrupación recoñece que "é lóxico incorporar a persoas novas porque iso é fundamental para que os partidos continúen".
A un ano escaso das municipais, Blanco é optimista. "Cremos que podemos subir o número de concelleiros que temos, pero unha configuración como a actual non sería nada desdeñable, sería aceptable", asegurou.
Puntua ó artigo

















Trackback link: http://www.maisg.eu/pivot/tb.php?tb_id=121